domingo, 20 de setembro de 2015

En apoio ao reflotamento do Paquito Nº2


O primeiro deber dun goberno (tamén local) debe ser defender os intereses e loitar polas demandas do pobo, cando estas son de xustiza. Independentemente da ideoloxia dos/as veciños/as, ou do partido ao que nas eleccións decidiran apoiar, a principal labor e obriga da corporación local e do seu goberno ten que ser respaldar as lexítimas loitas da súa veciñanza. Isto é algo que o goberno do Partido Popular de Boiro non fai. Son numerosos os exemplos nos que Juan José Dieste e o seu equipo se desmarcan das necesidades dos veciños e veciñas, para apoiar e defender, en cambio, os intereses duns poucos; pero no caso do reflotamento do Paquito Nº2 o comportamento do Alcalde de Boiro é absolutamente deplorable.

O 16 de decembro do ano pasado, o Paquito Nº2 naufragou nas costas de Corrubedo, cos mariñeiros Germán Fernández,  Antonio Hermo Torrado e Santiago Blanco Treus a bordo. Poucas horas despois foi recuperado sen vida o corpo de Germán, pero dende entón nada se sabe de Antonio e Santiago. O mar non veu a ben devolver os seus corpos e estes seguen sen aparecer.

É por iso que as familias dos mariñeiros “desaparecidos”, dende entón, iniciaron unha loita para conseguir o reflotamento do bateeiro, pois albergan a esperanza de que Antonio e Santiago estean no interior do barco. A principios do mes de marzo os seres queridos dos mariñeiros falecidos recibían pola prensa novas esperanzadoras. Afirmábase que, tras a inspección dos mergulladores, todo estaba preparado para a recuperación do navío. Nunha nova aparecida en La Voz de Galicia, edición dixital do Barbanza, do 4 de marzo, recollíanse unhas declaracións de Capitanía Marítima na que se aseguraba que a maniobra do reflotamento “está encarrilada y se realizará en cuanto haya buenas condiciones meteorológicas.” Pero está a piques de comezar outubro e todavía non se iniciaron as xestións encamiñadas para a recuperación do Paquito Nº2 .

Se os familiares e seres queridos de Mané e Raúl (como eran coñecidos entre os seus achegados) non conseguiron, ata o de agora, o apoio das autoridades, non ocurreu o mesmo coa veciñanza de Boiro. Os boireses e boirensas, ao ver que os responsables do reflotamento esquivaban a súa obriga, volcáronse decididamente en apoio ás esixencias dos familiares dos mariñeiros do Paquito Nº2. Dende que comezou o verán recolléronse máis de 15 mil firmas, e celebráronse dúas manifestacións en Cabo de Cruz e Boiro ás que acudiron centos de persoas; pero ás que non tivo a decencia de acudir o Alcalde, deixando só, deste xeito, ao pobo de Boiro nun dos momentos máis críticos das últimas décadas. Non pode ser que un dirixente elexido polo pobo mostre tanto desprezo polas esixencias deste, e sobre todo nun caso tan tráxico coma o actual. Tan só no último pleno municipal, e acuciados pola presenza de membros da plataforma veciñal que loita polo reflotamento, o Partido Popular de Boiro non tivo máis remedio que acordar e aprobar coa oposición unha declaración institucional na que se compromete a traballar para  conseguir a pronta recuperación dos restos do barco. Agora só esperamos que este compromiso non quede en papel mollado.

As veciñas e veciños que conformamos Esquerda Unida tampouco entendemos a demora no reflotamento do barco afundido, sobre todo cado xa en marzo parecía que a operación estaba encamiñada. Consideramos lamentable a actuación da alcaldía nesta traxedia. Máis alá de calquer consideración, o feito é que os corpos de Raúl e Mané seguen sen aparecer, e mentras exista algunha posibilidade de atopalos é unha obriga moral agotala. Non pode ser que dous dos nosos traballadores estean desaparecidos e as autoridades se mostren impasibles. Do mesmo xeito, queremos trasladar o noso apoio e solidariedade ás familias dos mariñeiros e ás traballadoras e traballadores do mar no seu conxunto, co convencemento de que é fundalmental afianzar canto sexa posible a súa seguridade no eido laboral!

O Paquito Nº2 debe ser reflotado, xa!

xoves, 27 de agosto de 2015

RADIO BOIRO: A esixencia de defender o público.



     A finais do pasado mes de xullo recibiamos a nova de que o Partido Popular de Boiro, despois de apenas transcorridos un par de meses dende as eleccións do 24 de maio, e sen telo mencionado durante a campaña nin na súa proposta programática, decidiu o peche unilateral da radio pública municipal. Dende entoces, tanto a veciñanza nas redes sociais e en foros e manifestacións públicas; como os grupos políticos da oposición seguindo as vías institucionais, reclamaron, reiteradamente información sobre o cese na emisión da radio pública, así como a esixencia na reanudación na programación de Radio Boiro. Con todo, a día de hoxe, casi un mes despois, non existe ningún pronunciamento do PP sobre este feito nin sobre a súa actuación.

     Radio Boiro é un medio de comunicación público con relevancia en toda a comarca do Barbanza. O seu amplo contido, dende o eido cultural ata o debate político, informaba de maneira crítica e plural a toda a veciñanza dende fai máis de 20 anos. Dende ela coñecemos a realidade das institucións culturais e deportivas da comarca, das asociacións e ONGs, dos partidos políticos e de todos aqueles colectivos que constrúen o día a día das veciñas e veciños de Boiro e da súa contorna. Por iso, unha decisión tan arbitraria e discrecional como a levada a cabo polo PP, que silencia a voz do pobo, que impide a divulgación da información que todas e todos aportamos a Boiro, é absolutamente intolerable. Trátase dun abuso de poder e dun ataque contra a democracia e a liberdade de expresión e de opinión, contra o dereito do pobo a ser informado dos asuntos que afectan directamente ao desenvolvemento da vida cotiá. O PP cortou así, premeditadamente e con total escuridade, a posibilidade de facer chegar ás e ós boirenses as novas, propostas e  iniciativas  de todo aquel discurso que poida diferir da ideoloxía sostida polo seu grupo político. A labor imprescindible e profesional exercida polas traballadoras e traballadores de Radio Boiro durante todos estes anos vese afectada pola vontade dun alcalde que  goberna dende a prepotencia e o autoritarismo. Unha vez máis o pobo de Boiro enfróntase a unha situación de subordinación respecto ao poder executivo municipal, que fai uso de tódalas ferramentas de limitación de dereitos ao seu alcance para saír fortalecido.

     Esquerda Unida Barbanza avoga pola unión de tódalas forzas políticas, asociacionistas, populares…  para dar a batalla fronte aos ataques contra o que é de todas e todos nós e que algúns pretenden facernos crer que lles pertence. Por iso, non deixaremos de estar nas mobilizacións na rúa nin nos actos institucionais que teñan lugar coa finalidade de recuperar para o pobo o que é do pobo. Esta loita esixe a ausencia de protagonismos e soberbias, posto que é precisa a acción colectiva e a implicación e solidariedade de todas e todos os barbanzáns para recuperar o que nos pertence como pobo. Non permitamos que nos sigan roubando os nosos dereitos e a nosa liberdade! É o momento de que a veciñanza de Boiro dea mostra de que non permitimos as inxustizas do poder económico e político!

Pola reapertura de Radio Boiro, polo futuro dos servizos públicos, unidade e mobilización!

mércores, 15 de xullo de 2015

AS AGRESIÓNS CONTRA AS MULLERES, FÓRA TAMÉN DA NOSA COMARCA!



Nas últimas semanas vimos de coñecer a través da prensa que una rapaza da Pobra do Caramiñal foi atopada “parcialmente desnuda e desorientada” o pasado 13 de xuño. Da investigación non transcendeu nada, xa que nestes casos a privacidade das afectadas é fundamental. De tódolos xeitos,  é posible que estemos ante unha agresión sexual, sexa do carácter que sexa.

Independentemente do que a investigación policial termine dictaminando, o que é innegable é que miles de mulleres somos víctimas de agresións sexuais de características similares. A pasividade social e institucional ante este tipo de violencia sufrida polas mulleres, especialmente mozas, é absolutamente intolerable. Insultos, proposicións (supostamente halagadoras), "toqueteos", presións por manter prácticas sexuais non desexadas (cando non sedación e brutais violacións), son agresións que a maior parte de nós temos que aturar ao longo da vida; ademais, é habitual que sexamos dobremente vítimas de violencia, pois a sociedade tende a invisibilizar esta violencia e as mulleres a negan por medo ou vergoña.

En 2014, a Axencia para os Dereitos Fundamentais da Unión Europea  elaborou un estudo sobre a problemática. Os resultados que plasma son realmente arrepientes: a Axencia sinala que máis de 100 millóns de mulleres en toda a UE, é decir, 1 de cada 2, foi vítima dalgunha agresión ou de acoso sexual. A porcentaxe é idéntica noutros ámbitos da sociedade supostamente máis regularizados: entre o 40% e o 50% das mulleres europeas soportan insinuacións ou contactos físicos indesexados no seu centro de traballo. E, por último, 1 de cada 20 mulleres europeas foi violada e o 12% sufreu abusos sexuais durante a infancia.

Pero a análise de todos estes datos é aínda máis grave do que parece. A comprensión que a sociedade mostra cara o agresor (“Pero a ti el gústache?”, “Non lle deas importancia, tampouco é para tanto”, “Tes que comprender que eres moi atractiva”, “Quizá no deberías vestir desa maneira…”, e un longo etcétera) desalenta á denuncia deste tipo de violencias, polo que posiblemente as cifras reais sexan moitísimo máis alarmantes.

Por último, destacar outro dato que consideramos fundamental ter en conta para entender a natureza e a dimensión do problema que estamos a tratar. Segundo a Axencia para os Dereitos Fundamentais da Unión Europea, a metade das mulleres adoptamos medidas excepcionais, de maneira cotidiana, por medo a sufrir agresións. Accións tan insignificantes para o home como tomar o transporte público, levar certa indumentaria, camiñar sen compañía pola rúa ou, incluso, agardar a soas en certos locais, son situacións evitadas polo 50% das mulleres por temor a ser molestadas, insultadas o agredidas. Un dato que demostra o ambiente de inseguridade no que vivimos sumerxidas as mulleres na actualidade, ademais de ser unha gravísima limitación da liberdade individual e colectiva de todas nós.


O caso é que segue sendo moi preocupante a maneira en que a sociedade no seu conxunto, e os medios de comunicación en particular, seguen tratando as agresións sexuais. Habitualmente cunha lixereza algo indecente. Proba disto é a noticia que motivou o presente artigo. A edición dixital de La Voz de Galicia do pasado 24 de xuño fíxose eco da aparición da moza en A Pobra do Caramiñal, pero non esqueceron engadir, ao final da noticia: “Lo que sí parece estar confirmado es que la chica, en un principio, aseguró que habría mantenido relaciones consentidas…” O que constitúe unha insinuación de co-resposabilidade que ten a víctima ante a agresión da que puido ser víctima. Quizáis o xornal non entenda que unha relación sexual, mesmo se comezase sendo consentida, pode rematar en violación, que unha muller agredida está nun enorme estado de confusión e que unha muller nunca é responsable dunha agresión, baixo ningún concepto.