mércores, 9 de marzo de 2022

A loita obreira (e feminista) no sector conserveiro.

As loitas obreiras non estalan cando a indignación alcanza o seu límite, que tamén, senón cando as traballadoras e os traballadores entenden que existe outro camiño, outra maneira de facer as cousas, cando aceptan que a súa situación non é algo así como unha maldición divina que non teñen máis remedio que aturar. 


Nos últimos meses as traballadoras da conserva mobilizáronse e dixeron basta. Basta á alta temporalidade no sector, basta a ter que traballar os fines de semana e, sobre todo, basta a unha discriminación salarial absolutamente inxustificable e denigrante. Nestes últimos meses tamén sucedeu o que sempre acontece cando as reclamacións son xustas e a determinación na loita é decidida: a cidadanía, a poboación do Barbanza, envorcouse nas rúas en apoio ás traballadoras da conserva. Fai apenas dúas semanas que puidemos ver a miles de persoas percorrendo as rúas de Boiro nunha histórica manifestación que nos fixo entender, tamén á patronal (aínda que polo de agora parece que non está disposta a aceptalo), que as cousas no sector da conserva están comezando a cambiar.


Quizá non debera ser así, non debera ser tan complexo, pero os dereitos alcánzanse sempre esixíndoos e loitando por eles. Son poucos os que pretenden manter os seus privilexios particulares a costa do benestar e os dereitos da maioría, pero poderosos, polo que é imprescindible a loita perseverante e constante para alcanzar melloras nas condicións laborais da clase obreira. O novo convenio aínda non foi aprobado e as demandas do sector aínda non foron aceptadas, pero dende o 21 de xaneiro (data da primeira convocatoria de folga) as traballadoras son algo máis libres porque son conscientes de que o futuro do sector e  o seu futuro está nas súas mans. Mágoa que algúns sindicatos aínda non o vexan. 


Nestes días conmemórase o Día da Muller Traballadora. Data emblemática da loita pola dignificación e recoñecemento do traballo feminino, dende que o 8 de marzo de 1857 miles de traballadoras do téxtil saíron ás rúas de Nova York en protesta polas longas xornadas laborais e os míseros salarios que percibían. Nestes días estamos ante unha oportunidade inmellorable para que a patronal e algúns sindicatos reconsideren varias das posicións defendidas nas últimas semanas. Sería inaudito que nas vésperas inmediatamente posteriores do 8 de marzo volvérase a firmar un convenio para o sector conserveiro que regulariza a discriminación efectiva do traballo feminino. É o momento de ser feminista tamén no fondo e que os tres principais sindicatos empuxen na mesma dirección para conseguir, ao fin, un convenio digno para a conserva que mellore as condicións laborais dun sector maiormente feminizado e moi precarizado.

 

                                           Néstor Sieira (Coordinador Local de Esquerda Unida Boiro)