martes, 26 de xaneiro de 2016

Saúda do novo Coordinador Comarcal de Esquerda Unida Barbanza

Posiblemente poucas cousas sexan tan gratificantes como o de ser elixido polas túas compañeiras e compañeiros para levar a cabo algunha responsabilidade. Que as persoas coas que levas traballando uns anos consideren que ti es a persoa indicada para desenvolver un cometido é, sen dúbida, motivo de orgullo. Pero ata aquí chega a ledicia por ter sido elixido, fai uns cantos días, Coordinador Comarcal de Esquerda Unida. Tocáronnos tempos complexos, nun mundo tan inxusto e desigual que calquera persoa de esquerdas que sexa designada para desempeñar algún tipo de obriga política, o único sentimento que lle debería desbordar é o de compromiso e responsabilidade. E ese é o meu estado namentres escribo isto. As militantes e os militantes de esquerdas non ostentamos cargos, cumprimos responsabilidades; e ningunha responsabilidade pode provocar ledicia ou orgullo, senón, unicamente, sentido do deber. 

A realidade para as traballadoras e os traballadores da nosa bisbarra é cada vez máis dura. As indignantes condicións que as obreiras das conservas teñen que soportar no seu posto de traballo; a loita que os homes e mulleres do mar libran cada día para obter as capturas precisas que lle permitan acadar un salario digno; todas as traballadoras e traballadores que teñen que sufrir a explotación, os salarios baixos, os contratos abusivos e o paro por causa dunhas leis que non lles protexen, terán nas compañeiras e compañeiros que formamos Esquerda Unida Barbanza un leal aliado. Non debemos consentir que os privilexios duns poucos coarten os dereitos de todas e todos.

Coñecemos os fins dos gobernos de Madrid e da Xunta de Galicia. Sabemos que pretenden poñer a disposición do poder económico e das grandes empresas o que é de toda a cidadanía. Xa o tentaron na Costa da Morte, co proxecto da mina a ceo aberto explotada con cianuro, poñendo en perigo o medio ambiente e o noso futuro; e volven intentalo coa Lei de Acuicultura, coas mesmas terribles consecuencias para todas e todos nós. Non permitiremos que privaticen os nosos recursos naturais para beneficio de inversores estranxeiros. Tamén combateremos as agresións que a educación pública e a sanidade están recibindo. Son dereitos humanos, e os dereitos non se mercantilizan.

Aínda non rematou o primeiro mes deste 2016 e xa son polo menos seis as mulleres asasinadas polo terrorismo machista. O machismo é posiblemente a lacra máis perigosa e cruel que impregna a nosa sociedade. Xa non só porque está sustentada por unha ideoloxía, o patriarcado, que oprime á metade da humanidade en beneficio da outra metade, senón que tamén porque os seus sinais, orixes e consecuencias seguen pasando inadvertidas para a maior parte da xente. O asasinato é só a tráxica cúspide da multitude de agresións que as mulleres teñen que soportar cada día. Polo que a visualización do patriarcado  e a denuncia das actitudes machistas será unha labor fundamental da nosa organización.


Unha frase atribuída ao revolucionario cubano-arxentino Ernesto Guevara di: "Se o presente é de loita o futuro será noso". Neste caso, aquí, ´a frase do Ché` convértese nunha promesa e nun compromiso. A promesa dun mañá mellor (o futuro será socialista, estou convencido) e o compromiso, adquirido e asumido, de que poñeremos toda o nosa enerxía e ahínco para que ese futuro sexa cedo. Sabemos que non será sinxelo, coñecemos os desafíos. O inimigo é cruel e  poderoso. O insigne veciño de Rianxo, Alfonso Rodríguez Castelao dicía que "o verdadeiro heroísmo consiste en converter os desexos en realidades, as ideas en feitos". Este terá que ser a nosa labor a partir de agora, pero  o heroísmo deberá ser asumido por todas e todos.

                                           NÉSTOR SIEIRA
COORDINADOR COMARCAL DE EU