domingo, 20 de setembro de 2015

En apoio ao reflotamento do Paquito Nº2


O primeiro deber dun goberno (tamén local) debe ser defender os intereses e loitar polas demandas do pobo, cando estas son de xustiza. Independentemente da ideoloxia dos/as veciños/as, ou do partido ao que nas eleccións decidiran apoiar, a principal labor e obriga da corporación local e do seu goberno ten que ser respaldar as lexítimas loitas da súa veciñanza. Isto é algo que o goberno do Partido Popular de Boiro non fai. Son numerosos os exemplos nos que Juan José Dieste e o seu equipo se desmarcan das necesidades dos veciños e veciñas, para apoiar e defender, en cambio, os intereses duns poucos; pero no caso do reflotamento do Paquito Nº2 o comportamento do Alcalde de Boiro é absolutamente deplorable.

O 16 de decembro do ano pasado, o Paquito Nº2 naufragou nas costas de Corrubedo, cos mariñeiros Germán Fernández,  Antonio Hermo Torrado e Santiago Blanco Treus a bordo. Poucas horas despois foi recuperado sen vida o corpo de Germán, pero dende entón nada se sabe de Antonio e Santiago. O mar non veu a ben devolver os seus corpos e estes seguen sen aparecer.

É por iso que as familias dos mariñeiros “desaparecidos”, dende entón, iniciaron unha loita para conseguir o reflotamento do bateeiro, pois albergan a esperanza de que Antonio e Santiago estean no interior do barco. A principios do mes de marzo os seres queridos dos mariñeiros falecidos recibían pola prensa novas esperanzadoras. Afirmábase que, tras a inspección dos mergulladores, todo estaba preparado para a recuperación do navío. Nunha nova aparecida en La Voz de Galicia, edición dixital do Barbanza, do 4 de marzo, recollíanse unhas declaracións de Capitanía Marítima na que se aseguraba que a maniobra do reflotamento “está encarrilada y se realizará en cuanto haya buenas condiciones meteorológicas.” Pero está a piques de comezar outubro e todavía non se iniciaron as xestións encamiñadas para a recuperación do Paquito Nº2 .

Se os familiares e seres queridos de Mané e Raúl (como eran coñecidos entre os seus achegados) non conseguiron, ata o de agora, o apoio das autoridades, non ocurreu o mesmo coa veciñanza de Boiro. Os boireses e boirensas, ao ver que os responsables do reflotamento esquivaban a súa obriga, volcáronse decididamente en apoio ás esixencias dos familiares dos mariñeiros do Paquito Nº2. Dende que comezou o verán recolléronse máis de 15 mil firmas, e celebráronse dúas manifestacións en Cabo de Cruz e Boiro ás que acudiron centos de persoas; pero ás que non tivo a decencia de acudir o Alcalde, deixando só, deste xeito, ao pobo de Boiro nun dos momentos máis críticos das últimas décadas. Non pode ser que un dirixente elexido polo pobo mostre tanto desprezo polas esixencias deste, e sobre todo nun caso tan tráxico coma o actual. Tan só no último pleno municipal, e acuciados pola presenza de membros da plataforma veciñal que loita polo reflotamento, o Partido Popular de Boiro non tivo máis remedio que acordar e aprobar coa oposición unha declaración institucional na que se compromete a traballar para  conseguir a pronta recuperación dos restos do barco. Agora só esperamos que este compromiso non quede en papel mollado.

As veciñas e veciños que conformamos Esquerda Unida tampouco entendemos a demora no reflotamento do barco afundido, sobre todo cado xa en marzo parecía que a operación estaba encamiñada. Consideramos lamentable a actuación da alcaldía nesta traxedia. Máis alá de calquer consideración, o feito é que os corpos de Raúl e Mané seguen sen aparecer, e mentras exista algunha posibilidade de atopalos é unha obriga moral agotala. Non pode ser que dous dos nosos traballadores estean desaparecidos e as autoridades se mostren impasibles. Do mesmo xeito, queremos trasladar o noso apoio e solidariedade ás familias dos mariñeiros e ás traballadoras e traballadores do mar no seu conxunto, co convencemento de que é fundalmental afianzar canto sexa posible a súa seguridade no eido laboral!

O Paquito Nº2 debe ser reflotado, xa!

Ningún comentario:

Publicar un comentario