xoves, 5 de xuño de 2014

Pola República, pola Democracia, referendo vinculante XA!

Ríos de tinta correron tralos resultados destes comicios europeus. O bipartidismo, noutro tempo hexemónico, apenas chega a sumar hoxe o 50% do voto. Van caendo, e coma diciamos hai uns anos, o medo comeza a mudar de bando.

Esta situación indícanos claramente o final do réxime saído da mal chamada Transición Española, que demostrou quedar nunha mera transacción de privatizacións, recortes e portas xiratorias. Un franquismo sen Franco, unha democracia que naceu malsana grazas a un sistema electoral amañado.

Non podemos esquecer ademais aos que loitaron noutro tempo pola legalidade democrática, miles deles seguen soterrados nas cunetas, agardando a que o pobo recupere a memoria.


1277668181133republicadn


A Casa Real e o seu réxime vese en apuros ao perder a estabilidade do turnismo bipartidista, e decide salvar o que pode mentres manteñen a capacidade de entronizar a Felipe. Saben ben que o pobo, farto deste simulacro de democracia, ten arelas de cambio. É agora cando lle toca ao pobo mover ficha, esixir democracia, deixar claro que tres cuartas partes da poboación non votaron esta Constitución, que queremos decidir porque somos adultos e xa non temos militares franquistas que nos tutelen.

En Esquerda Unida do Barbanza temos claro que defendemos o modelo republicano, que non é lóxico manter unha xefatura do Estado que saia das gónadas de ninguén, pero ao mesmo tempo sabemos que se lle debe deixar á xente decidir a súa opción.

Por todo isto, chamámosvos a participar das mobilizacións que se están a convocar na comarca do Barbanza, onde a esperanza tricolor tamén comeza a alumear.

A próxima cita será este sábado 7 de maio, na praza do Concello de Ribeira, ás 19:00h. Agardamos vervos alí e seguir a impulsar o cambio que á nosa terra precisa.

Non precisamos un rei, queremos xustiza, pan, teito e traballo. Referendo XA!!

Chegou a hora de loitar de novo por unha democracia plena, Saúde e República.

Ningún comentario:

Publicar un comentario