martes, 6 de maio de 2014

SIMPATIZANTES, MILITANTES, ESQUERDA UNIDA PRECISA DE VOS

Por fin poñemos en marcha o blog de Esquerda Unida Barbanza, pensandoo coma unha ferramenta para comunicar e mobilizar á cidadanía ante os inxustos recortes de dereitos que vimos a aturar desde que comezou esta crise-estafa.

Vémonos no deber de facelo xustamente hoxe, cando xa estamos inmersos en plena campaña das eleccións europeas do 25 de maio. Unha cita importante para os traballadores de toda Europa, e que probablemente teña uns altos niveis de abstención, por isa percepción errada de que o resultado das mesmas non nos vai afectar demasiado.

Poi temos que dicir, que no Barbanza tamén nos afectas as políticas europeas, e moito. A piques estivemos de perder miles de postos de traballo polo acordo da UE e Tailandia, algo polo que fixemos campaña e que semella paralizado de momento.

Tamén nos afectan, como podemos comprobar nos últimos tempos, as políticas de pesca europeas, ou as esixencias medioambientais para o coidado das rías, cuxa salubridade periga xa pola explotación irresponsable dunha minoría acaudalada e a falta de conciencia que padecemos á hora de protexer a nosa auténtica riqueza e patrimonio natural.

É por iso que na próxima cita electoral, a nosa terra xógase moito máis do que pensamos.

E qué imos facer? Quedar na casa? Permitir que ese bipartidismo corrupto que vendeu o país prostituindo a Constitución volva a ter o poder en Europa?

Non estamos xa nun momento no que podamos permitírnolo, os recortes están a producir uns efectos devastradores entre a clase traballadora, mentres as contas bancarias de explotadores e especuladores medran sen vergoña algunha.

Facemos un chamamento a toda a militancia, aos simpatizantes, á xente que entende que hai que dar un xiro a Europa a que nos axuden nesta campaña, onde AGE en Europa pode supoñer o que Galicia precisa no Europarlamento.

En Esquerda Unida, en Anova e Espazo Ecosocialista non facemos campaña con sobres en B, non podemos permitirnos esas grandes campañas nos que outros queiman millóns de euros, pero compensámolo co sacrificio e traballo dunha militancia que é consciente de que precisamos dunha alternativa, dun governo popular.

Participade connosco, nas redes, difundindo os actos que iremos anunciando dende as páxinas de EU Barbanza, Anova Barbanza e AGE Barbanza. Nas pegadas na rúa, que comezaremos a facer esta semana para anunciar os actos. Na difusión dos ideais e o programa que defendemos para Europa entre os vosos coñecidos e amigos.

Participade connosco, fagamos que a semente dun cambio real comece a medrar no Barbanza.

Porque sumando forzas de xeito organizado, podemos facelo, medrar, crear poder popular.

1 comentario:

  1. Está claro que se queremos un cambio teremos que loitar por el...

    ResponderEliminar